Día da Concienciación sobre o Autismo: o mundo de Frankie

O 2 de abril celébrase o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, unha data importante para reflexionar sobre a diversidade e aprender a respectar e comprender mellor ás persoas con TEA (Trastorno do Espectro do Autismo). 

Para iso, traballamos cun material moi especial achegado polo Departamento de Orientación: o cómic de "O mundo de Frankie" de Aoife Dooley, unha nena con autismo que nos amosou como percibe o mundo de xeito diferente. A través da súa historia, descubrimos situacións cotiás que poden ser un reto para alguén con autismo, como o ruído excesivo, as regras ríxidas ou as dificultades para socializar. O máis importante foi entender que cada persoa ten a súa maneira de sentir e vivir o mundo, e que ser diferentes non é algo negativo, senón unha riqueza que debemos valorar.

Para profundar nesta aprendizaxe, realizamos unha ficha na que primeiro escribimos como críamos que se sentiría alguén ante certas situacións, e logo comparamos con como se sentía realmente Frankie no cómic. Isto axudounos a comprender mellor a súa perspectiva e a poñernos no lugar das persoas con autismo.

Por último, elaboramos un mural especial na porta da nosa aula, onde representamos a diversidade a través das nosas fichas persoais unidas ao símbolo do infinito, que representa a diversidade dentro do espectro autista. 

Esta xornada deixounos unha lección moi valiosa: cada persoa é única, e comprender as súa necesidades é o primeiro paso para construír un mundo máis xusto e inclusivo. 





Comentarios