Este martes, os alumnos e alumnas de 5º realizamos unha saída a Santiago de Compostela.
Na aula de 5ºA levábamos xa varios días preparándonos este día: investigamos sobre o Camiño de Santiago, aprendemos a súa orixe, os símbolos que o representan, os diferentes itinerarios e moitas curiosidades que nos axudaron a comprender mellor o que iamos ver.
A visita comezou no Museo do Pobo Galego, situado no antigo convento de San Domingos de Bonaval. Alí participamos nunha divertida gymkana, que nos levou a explorar todas as partes do museo mentres resolvíamos probas e descubriamos aspectos da vida tradicional galega: os oficios, o mar, a agricultura, a música ou a vestimenta.
Foi unha maneira moi entretida de aprender e moitos de nós quedamos fascinados co deseño da escaleira helicoidal!
A continuación percorremos o casco histórico de Santiago, e cada parada tiña conexión co que estivemos traballando na aula sobre o Camiño. Comezamos pola Porta do Camiño, entrada dos peregrinos na cidade, e seguimos pola Rúa das Casas Reais ata a Praza de Cervantes, onde ata tivemos que buscarlle os pes á figura da fonte.
Pasamos polo o Mosteiro de San Martiño Pinario, e desde alí chegamos á Praza do Obradoiro, onde observamos a emoción dos peregrinos ao chegar á súa meta.
Tivemos tempo tamén para achegarnos á Árbore da Ciencia, ao comezo da rúa do Franco, que axudou a predecir o futuro universitario dalgúns de nós.
Logo pasamos pola Praza da Azabachería e a Praza da Quintana, onde fixemos unha pequena pausa para observar a Berenguela.
Despois de comer no parque de Bonaval, fixemos a última e máis espectacular das actividades: unha visita aos tellados da Catedral. Subimos acompañados por unha guía que nos explicou moitos detalles sobre a construción e a historia do edificio. Desde arriba, Santiago parecía aínda máis fermosa, e puidemos ver o percorrido que fixeramos desde unha perspectiva privilexiada.
Por último, aproveitamos a oportunidade para visitar o museo da Catedral, con diferentes tesouros da mesma, e o claustro interior.
Foi unha xornada moi enriquecedora! Agardamos que todos a desfrutaran ao máximo!
Comentarios
Publicar un comentario