Esta mañá tivemos unha visita sorpresa que nos deixou coa boca aberta: pola porta da aula apareceron dúas persoas cunha máscara de Iron Man e outra de Spiderman. Así comezou unha actividade moi especial organizada por Carolina e Daniel, nai e pai de Antonella respectivamente, moi ligada co proxecto do cole sobre o cómic.
A través dun interesante percorrido polos universos de DC e Marvel, mergullámonos no mundo dos superhéroes e superheroínas que tantas veces vemos. Faláronnos de personaxes tan coñecidos como Batman, Superman, Spiderman, Wonder Woman, Iron Man ou Capitá Marvel, entre moitos outros. Descubrimos a súa orixe, os seus superpoderes, e tamén as misións que cumpren para salvar o mundo.
Unha das partes máis importantes foi cando nos fixeron reflexionar sobre as dificultades cotiás que tamén teñen estes personaxes, moitas delas parecidas ás que vivimos nós:
A perda dun ser querido, como lle pasou a Batman.
O sentido da responsabilidade, que sente Spiderman.
A presión por querer chegar a todo, como lle ocorre a Superman.
A necesidade de traballar en equipo e aceptar axuda.
As amizades que seguen camiños diferentes.
E, sobre todo, o sentir que un é diferente, pero tamén aprender a aceptarse e ser aceptado, como lle pasa a moitos heroes.
Foi unha sesión marabillosa. Moitas grazas a Carolina e a Daniel de parte de todo 5ºA!
Comentarios
Publicar un comentario