Esta mañá, o noso grupo realizou unha saída moi especial á planta de Sargadelos do Castro, en Sada. Durante a visita, tivemos a oportunidade de coñecer en profundidade o Museo Carlos Maside e percorrer a fábrica de cerámica, descubrindo o seu proceso artesanal.
Museo Carlos Maside: un espazo para a memoria artística de Galicia
A nosa visita comezou no Museo Carlos Maside, un lugar cheo de historia e simbolismo. A idea de crear este espazo naceu da vontade de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane. Ao principio, tiñan unha sala cedida para expor, pero esta quedou pequena e xurdiu entón a necesidade de construír un edificio novo. Este foi deseñado polo arquitecto Sabalat, tamén responsable de obras como a Sociedade de Sada, as casas dos mariñeiros de Fontán ou o edificio da Coca-Cola en Coruña. O edificio do museo é moi orixinal, formado por dez módulos hexagonais que lembran as celas dun panal de abellas, e construído en formigón visto.
Puidemos ver e entender obras de artistas como o propio Díaz Pardo, Luis Seoane e Castelao. Chamounos a atención un relicario na Sala de Castelao, que contiña un cabelo de Rosalía de Castro, acompañado da súa flor favorita, os pensamentos. Ao seu carón, unha carta da súa filla Gala, que certifica a súa autenticidade. Tamén vimos as máscaras orixinais de Os vellos non deben namorarse.
Na Sala Seoane observamos os seus gravados con influencia cubista e tamén nos chamou a atención o Monumento aos emigrantes, presente en versión pequena no museo e a tamaño real fronte ao Castelo de Santa Cruz, en Oleiros.
Antes de rematar, visitamos a sala de cómic, arriba de todo.
A Fábrica de Sargadelos
Despois da visita ao museo, trasladámonos á fábrica de cerámica, onde puidemos seguir paso a paso o proceso de creación das pezas de Sargadelos.
1. Deseño
Os deseñadores de Sargadelos crean formas e motivos inspirados na arte tradicional galega, na natureza e na historia. Os debuxos son primeiro feitos en papel ou en formato dixital, tendo en conta tanto a estética como a funcionalidade da peza.
2. Modelado
Unha vez aprobado o deseño, elabórase un modelo mestre en xeso. Este modelo servirá como base para facer os moldes. A precisión nesta etapa é fundamental, pois cada detalle reproducirase nas pezas finais.
3. Moldeado
Con ese modelo créanse moldes de xeso nos que se verte a barbotina (unha mestura líquida de caolín, feldespato, cuarzo e auga). Unha vez que a capa ten o grosor desexado, déixase secar antes de desmoldar.
4. Primeira cocción (biscoito)
As pezas van ao forno a unha temperatura de arredor de 800 ºC. Esta primeira cocción dalles dureza.
5. Decoración e esmaltado
Despois do biscoito, as pezas son decoradas de xeito manual ou con técnicas serigráficas. Moitas das formas e cores características de Sargadelos (como o azul cobalto) aplícanse nesta etapa. A continuación, aplícase o esmalte que lles dará o seu acabado brillante.
6. Segunda cocción
As pezas decoradas entran de novo ao forno, esta vez a máis de 1400 ºC. Esta cocción fixa a decoración e o esmalte, convertendo as pezas en produtos finais resistentes e brillantes.
7. Control de calidade e embalaxe
Por último, cada peza é revisada unha a unha. Só as que cumpren os estándares de calidade pasan a ser embaladas e distribuídas. As que presentan defectos, por mínimos que sexan, non saen da fábrica: rómpense!
Comentarios
Publicar un comentario